Hai unha morea de anos que veño adicando a maior parte do meu tempo ao mundo da fotografía.

Supoño que isto que me pasa non é máis que tentar buscarlle un cauce a esa tolemia que me anda a rondar a tódalas horas a cabeza, e lévame a imaxinar e querer plasmar dalgunha maneira historias feitas de pequenos retais da vida, recordos, vivencias, soños...

Alá polo ano 87, comezaba a camiñata nun centro de xuventude facendo cursiños de branco e negro cunha  cámara vellísima coa que meus tíos  Piño e Aurora agasalláronnos ao meu irmán e a min cando fixemos a primeira comunión e que hoxe durme esquecida (non tanto) nalgún caixón da casa paterna e coa que, como digo, comecéi a disparar a todo o que se me puña por diante da man do fotógrafo chantadino Camilo Lorenzana.

No ano 90 coñecín a Benito Losada quen me contaxiou o súa gran paixón por este mundo.

Era o director da Casa da Xuventude de Ourense. Naquel entón cursaba unha invitación ao centro onde eu traballaba  para participar no Outono Fotográfico certame que este ano, xa tristemente sen a súa presencia física ainda que sempre no recordo de todos e todas, cumpre o seu 30 aniversario e no que vou ter a gran oportunidade de poder participar coa exposición "de minimis" no lugar e data que proximamente anunciaréi aquí. Dende aquela, este certamen é parte importante da programación da Casa da Xuventude de Chantada e co que teño colaborado gratamente en máis dunha ocasión.

E xa foi un non parar ata hoxe.

Hai oito anos tiven a honra de poder facer a primeira exposición na Casa da Cultura de Chantada. "Recunchos" eran 40 fotos a cor de paisaxe de inverno nas que a néboa se converteu na protagonista principal dándolle un certo caracter de tristura e malancolía a todas aquelas imaxes coas que  logo puiden percorrer unha morea de centros culturais, comarcais, casas de turismo rural, de xuventude,... das provincias de Lugo e Ourense ata completar un total de 12 exposicións.

E xa cos anos, logo de afastarme dese primeiro traballo, fun invitada, ano tras ano, a participar no Outono Fotográfico da Casa da Xuventude de Chantada, volvendo colgar nela fotos de temática variada nunha exposición dual no ano 2007. A última exposición, ata o presente ano, foi no 2010 nunha colectiva en Cartaxena coa Semana Santa como eixo central pola ampla e importante tradición que o tema ten nesta cidade.

A partir do ano 2006 céntrome no estudo da macrofotografía e no branco e negro por unha mera custión de gusto persoal.

Con moita facilidade impresionámonos ante a grandeza do noso entorno e supoño que é humanamente xustificable, pero esquecemos a importancia das cousas máis pequenas que teñen a obriga de posibilitarnos a vida e nola fan indubidablemente moito máis doada e bonita... E en branco e negro para manterme fiel a eses principios tan gratificantes que xa teño mencionado anteriormente.

Miña intención no mundo da fotografía non é vivir dela. Coñezo as miñas limitacións e sei apreciar a preparación e o talento dos que sí teñen a sorte de facelo, e de todos aqueles outros tan admirados e  que xa se fixeron un nome neste mundo.

O obxecto de que queira amosar o que fago é para saberme quen de transmitir algo; contaxiar algunha inquedanza, comunicar unha pequena mensaxe ou un sentimento.

E facer, en definitiva, que o pequeno non pase desapercibido e mereza uns segundos da vosa atención. Con iso síntome máis que satisfeita.

Grazas por adicar uns minutos a esta páxina.

Entra e observa; se aquí fago que desfrutes un pouco, entón este espazo atopará a súa razón de ser e estar....

 

 

“Quien teme a las almas se topa fantasmas”.
Gustavo Adolfo Bécquer